Aprende ou axuda a aprender GALEGO DE TRANQUIS!

UVigo - ANL 02/04/2024

Levas tempo querendo comezar a falar ou a escribir en galego? Pois tranqui! Faino ao teu ritmo e cando e como desexes. Coñeces a alguén que quere comezar a facelo? Axudámosvos poñéndovos en contacto!

Activamos o plan de MADRIÑAS E PADRIÑOS GALEGO DE TRANQUIS. Con el poñemos en contacto persoas que desexan comezar a falar ou escribir en galego (aos poucos... ou a tope!) con outras que xa o dominan para que o proceso sexa o máis tranqui posible. Definindo cando, como e que tipo de retroalimentación desexas en cada momento. Ao teu ritmo. 

Podes apuntarte como APRENDENTE ou como MADRIÑA ou PADRIÑO

Entrade na vosa zona de confort: o galego.

De tranquis tamén nas redes

Se queres comezar a usar o galego nas túas redes sociais, emprega o cancelo #GalegoDeTranquis nos teus contidos ou na túa bio para indicar que vas comezar a empregar o galego e agradeces que a túa comunidade de seguidoras e seguidores vaian de tranquis contigo. 

Tamén podes empregar o cancelo #GalegoDeTranquis se queres indicar que se alguén quere comezar a falar o galego contigo, o pode facer sen problema, que te adaptarás e lle farás o proceso máis agradable.

Unha campaña da Área de Normalización Lingüística

Esta é a campaña que desde a Área de Normalización Lingüística lanzamos para promover e facilitar dar o paso a iniciar a vivir en galego entre o estudantado e toda a comunidade da Universidade de Vigo.
 

 

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
Edificio Newton
Facultade de Filoloxía e Tradución
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal